venres, 22 de xaneiro de 2016

O proxecto "Road to CERN"

Inauguramos o noso blog coa espectacular fotografía do gran colisionador de hadrones... Esa é a meta do camiño que iniciamos hoxe.


En que consiste, logo, o noso proxecto? Pois é unha idea que parte do departamento de tecnoloxía do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro  e está inscrito nas actuacións dos  Contratos Programa  da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, concretamente no apartado  Mellora dos coñecementos para acadar a excelencia.

A idea en cuestión é viaxar a Xenebra para visitar o CERN, e preparar a viaxe axeitadamente: idiomas e documentación científica serán as liñas desta preparación.

O alumnado participante deberá:

  • Asistir con aproveitamento a clases extraescolares de idiomas (francés ou inglés) durante dous recreos semanais a partir do mes de febreiro impartidas por profesorado do centro.
  • Asistir ás charlas sobre física de partículas e temas relacionados que se irán propoñendo.
  • Realizar as lecturas propostas con material aportado polo centro (libros da biblioteca, artigos, material audiovisual, etc.

Comezamos o proxecto con ganas, e poderedes seguir os nosos progresos neste blog. Seguiremos informando.